Arzúa prepara xa unha programación cultural variada e para toda a familia

Haberá contacontos, exposicións, teatro, música ou monólogos nos meses de outono
Cultura
Claudina Estévez
Unha das propostas de Outono a escena 2021. Foto: C. Arzúa

Arzúa. O Concello de Arzúa xa deu a coñecer o programa cultural que desenvolverá durante os próximos meses de outubro e novembro. Outono a escena, que así se chama a iniciativa, ofertará catorce propostas repartidas nos dous meses. A programación arrancará con todo aínda en setembro, coa apertura da exposición de pintura de Manuel Rodríguez Varela cun acto de inauguración este venres día 30 ás 19.00 horas. A mostra poderá verse na Capela da Madanela. Tamén alí terán lugar en outubro distintos espectáculos teatrais e musicais para todos os públicos repartidos nos chamados Venres na Capela para adultos e os Sábados en familia para público infantil e familiar.

Non faltarán o vindeiro mes os contacontos de man de Toupiciencia Show, da compañía A Xanela do Maxín o sábado 22 na Biblioteca Municipal. Tamén se proxectará a curta Pequenas grandezas coa que o IES de Arzúa gañou o Certame de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña.

A programación de Outono a escena continuará no mes de novembro con monólogos e actividades dirixidas ao público infantil para conmemorar o Día da Infancia. Todas as actuacións serán de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade. A concelleira Aurora Varela anima á veciñanza e aos visitantes a “desfrutar desta completa programación pensada para todos os públicos como lugar de encontro e entretemento nas tardes de outono”. C.E.