As abellas e os meles de Galicia protagonizan a fin de semana arzuá

Xa hai máis de 200 anotados na Mostra Galega de Apicultura que organiza AGA
Apicultura
Claudina Estévez
Na carpa Máis que Mel! trataranse distintos aspectos das abellas. Foto: Pexels

Arzúa. A Asociación Galega de Apicultura (AGA), con sede en Arzúa, desenvolverá entre mañá e pasado na sede do Centro do Queixo e do Mel e na carballeira anexa, a 36ª Mostra Galega de Apicultura. O evento centrarase nun foro de apiturismo e noutro formativo acerca da apicultura, á parte da exposición e do visionado do vídeo sobre a importancia das abellas e o control da velutina.

Segundo indican dende a entidade, no Foro de Apiturismo haberá palestras sobre as distintas rutas desta actividade a cargo de estudosos e especialistas na materia. Así mañá tratarase o apiturismo na Serra do Candán, na Costa da Morte, no Courel e na Serra do Xurés, e o domingo nos Ancares, na Ribeira Sacra, así como o patrimonio cereiro de Galicia. Para a formación do Foro de Apicultura haberá carpas para a cata de meles IXP Mel de Galicia e a degustación de Meles Cinco estrelas de AGA, así como elaboracións.

Na carpa de Máis que Mel!, disertarase coas persoas asistentes sobre a própole e o pole. E nas outras trataranse temas diversos sobre esta especie como a reprodución das abellas, a alimentación natural e complementaria de ditos animais, a sanidade apícola, o control do tártago Vespa velutina desde o punto de vista práctico e científico, a produción ecolóxica e as innovacións apícolas.

Tamén na xornada dominical, ás 13.30 horas, entregaranse as distincións de AGA “Corenta anos facendo camiño”. Entre as institucións galardoadas cóntanse a Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo “polo seu apoio ao Programa de Apiturismo da Asociación Galega de Apicultura, con sete rutas de apiturismo postas en funcionamento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia”, apuntan dende a formación.

Dende a asociación indicaron a este xornal que de momento xa son máis de 200 as persoas anotadas para asistir ao evento. Os que desexen participar aínda están a tempo de facelo, pese a que “o aforo máximo é de 300 persoas”, concretan. Para participar é preciso inscribirse a través da páxina web (apiculturagalega.gal) enchendo un formulario para a mostra de apicultura, foro apiturismo ou foro apicultura (dirixido neste caso para profesionais ou futuros profesionais). c. e.