Asetem premia a fidelidade este Nadal con varios sorteos

Comercio local
Claudina Estévez
O obxectivo da campaña é fomentar as compras no comercio local. Foto: Pexels

Melide. Arranca a nova edición da iniciativa que cada Nadal celebra a Asociación de Empresarios da Terra de Melide (ASETEM-CCA) nos comercios asociados. Este ano participarán preto de oitenta establecementos na campaña Este ano toca en Melide, o que confirma a boa acollida que esta iniciativa ten cada ano. “Confiamos en que a poboación volva apostar polos establecementos de proximidade para facer as súas mercas de Nadal porque non é necesario moverse da vila para atopar agasallos de todo tipo”, din dende a entidade. Ademais, fan fincapé en que “o feito de mercar no municipio implica que o pobo medre polo que, dunha ou outra maneira, é beneficioso para toda a veciñanza”. O principal obxectivo desta actividade é o fomento e impulso das compras nos comercios melidenses premiando a fidelidade da clientela mediante o sorteo de vales de compra para gastar nestes mesmos establecementos. Para levar a cabo esta acción as tendas obsequiarán a súa clientela con rifas ao realizar compras de calquera importe ata o 13 de xaneiro de 2023. Haberá sete premios: un de 2.000 euros, dous de 1.000, e catro de 500. Ademais, sortearase unha tarxeta regalo para unha escapada de fin de semana. C.E.