Castañas e cogomelos en Touro de cara a festexar a gastronomía do outono

Magosto
Claudina Estévez
Un momento da celebración do magosto. Foto: C. Touro

TOURO. Veciños e veciñas de Touro e tamén forasteiros veñen de desfrutar da XIV Festa da Castaña. Un numeroso grupo de persoas achegouse ata o posto instalado diante da sede do concello da vila para desfrutar do magosto e da degustación gratuita dos postres típicos do outono. Houbo castañas asadas, tartas, biscoito, pan con pasas e noces, queixo e todo tipo de bebidas para celebrar a XIV Festa da Castaña, organizada polo goberno local de Touro. É tempo de magostos, pero tamén o é de cogomelos. Por iso o Concello xa ten organizada a 18 edición das xornadas micolóxicas. Terán lugar este domingo 13 de novembro. Ás 09.45 horas será o encontro na casa da cultura do municipio, e ás 10.00 horas arrancará un ruta. Máis tarde, ás 15.30 horas, será o turno da catalogación e exposición dos exemplares. Este mesmo mércores remata o prazo para inscribirse e así poder participar. Os interesados que aínda non se anotasen deben chamar aos teléfonos 981 814 566 e 981 504 029 ou ben escribir ao correo turismo@concellodetouro.gal. Por certo que tampouco hai que esquecer outra das actividades que anunciou o goberno local, o certame Touro en imaxes, co que se busca fomentar e divulgar os recursos naturais e culturais da vila. C.E.