Celebran o Día do Neno os arzuáns con obras nos centros escolares

Para evitar que se xunten moitos alumnos fanse distintas sesións dun mesmo espectáculo
Fiesta
Alba Prada
Os pequenos desfrutaron onte de ‘Pitusa Semifusa e os estilos musicais’

Arzúa. A pandemia non supón unha traba para que os máis pequenos de Arzúa poidan celebrar o Día Internacional da Infancia. Entre onte e hoxe os escolares arzuáns desfrutan de actuacións musicais e teatrais, organizadas polo goberno local, en horario lectivo. Dada a situación de crise sanitaria e para cumprir rigorosamente con todas as medidas e protocolos anticovid, “as actuacións fanse nas instalacións dos centros escolares e programando varias sesións de cada unha para que poidan asistir varias aulas por separado, sen coincidir con outros cursos”, explican fontes municipais.

O primeiro dos espectáculos tivo lugar onte e estivo dirixido ao alumado de Educación Infantil do Colexio Nosa Señora do Rosario. Os pequenos desfrutaron da actuación musical a cargo de Pitusa Semifusa e o seu espectáculo Pitusa Semifusa e os estilos musicais. A obra está baseada no traballo de Olga Brañas no que da a coñecer ao público infantil o blues, o reggae, o swing e o hip-hop, entre outros xéneros da música.

Hoxe será o turno para os estudantes do CEIP de Arzúa, que asistirán ao espectáculo teatral e musical Cousas de catro a cargo de Odaiko. Unha proposta que explora a percusión de forma creativa, ben sexa con instrumentos, con simples obxectos ou co propio corpo, para crear unha función sensible e cómica.

As actuacións son cada día ás 11.00 e ás 12.30 horas e entre pases hai un descanso de media hora para ventilar, desinfectar e facer o cambio de grupos. A segunda sesión de cada xornada está a ser retransmitida en directo a través da páxina de Facebook Cultura Concello de Arzúa para que poida ser visualizada polo resto de aulas.

A concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Varela, quixo destacar o esforzo e compromiso do goberno municipal “na aposta pola realización de iniciativas culturais nestes tempos difíciles que nos toca afrontar e que consideramos moi importantes de cara á dinamización e supervivencia do sector”. E é que o Concello continúa a celebrar, dentro das súas posibilidades, diversas iniciativas non só para incentivar a cultura, senón tamén os negocios da vila, tal e como fai co Día do Comercio Local, previsto para o vindeiro día 8 de decembro. A.P.