Consellos para que os arzuáns aforren auga na cociña ou no xardín

Auga
Claudina Estévez
O Concello pídelle á veciñanza que teña coidado á hora de pechar a billa. Foto: Pexels

Arzúa. Ante a escaseza de auga actual, o Concello de Arzúa apela a un “consumo responsable” e faino a través de distintas publicacións nas súas redes sociais. Así, pídenlle á veciñanza que teña moito coidado á hora de usar a auga na cociña, lembrándolles que deben pechar a billa mentres enxaboan os pratos, lavar froitas e verduras nun recipiente, empregar filtros atomizadores ou difusores e usar a lavadora e lavalouzas cando estén totalmente cheos, entre outros.

Á hora do baño, dende o goberno local recomendan ducharse en vez de bañarse para aforrar auga, tamén vixiar que a cisterna do inodoro non pingue ou instalar sistemas economizadores de dobre descarga ou dobre pulsación.

No xardín, recomendan evitar as horas de máis sol para regar, usar unha vasoira para recoller as follas en lugar da mangueira ou colocar un depósito para recoller a auga da chuvia que sae dos canlóns. Son só algunhas das recomendacións. c.e.