Arzúa organiza hoxe unha xornada cargada de actividades para impulsar o sector // Melide elaborou tarxetas coas que se poden adquirir produtos de ata 50 euros nos negocios da vila // Tordoia sortea tres vales por valor de 100 € TEXTO Alba Prada

Convidan á veciñanza a mercar no pequeno comercio en Nadal

COVID
Alba Prada
Animación de rúa no Día do Comercio Local de Arzúa o ano pasado. Foto: Concello de Arzía

Achégase unha das épocas (por non dicir, a principal) máis consumistas do ano: o Nadal. Esta vez será moi distinto, e desafortunadamente, as grandes reunións familiares quedarán suprimidas, pero iso non quita a ilusión. É época de agasallar aos seres queridos e este ano, hai máis gañas se cabe de facer un pequeno parón na rutina para desfrutar (dentro das restricións) deste momento do ano, especial para os cativos, pero tamén para os maiores.

Ante a proximidade das festas, os concellos de Área non se demoran en organizar iniciativas para incentivar as compras nos pequenos negocios. E é que están a ser un dos sectores máis afectados pola pandemia, polo que agora mesmo toda axuda é pouca. Tordoia é un dos municipios da comarca que se preocupou por facer unha campaña de apoio aos comerciantes locais. Segundo explicou o rexedor, Antonio Pereiro, xa son 34 os negocios adheridos á iniciativa Xuntos somos máis no comercio local. Cada un dos establecementos entregará un selo aos consumidores que fagan unha compra mínima de dez euros. Cando se cubran seis selos (poden obterse todos no mesmo negocio) o consumidor completará un cartón, que deberá depositar cos datos persoais nunha das urnas (distribuídas por todos os locais participantes).

O día 5 de febreiro realizarase o sorteo entre os veciños que cubriron os cartóns. O premio consiste en tres vales de cen euros cada un para gastar en calquera dos establecementos adheridos. Hai ata o 30 de xaneiro para participar e, en verbas do alcalde, está a ser un éxito tanto entre a veciñanza como entre os propios negocios da vila. Asemade, para facer visible a iniciativa, o Concello está a publicar a través do Facebook municipal varios vídeos nos que saen os comerciantes para animar a mercar na vila.

Pola súa parte, o Concello de Melide, xunto coa asociación de comerciantes Asetem, optou por sacar a tarxeta Merca en Melide, que pode recollerse na sede da entidade en horario de 10.00 a 14.00 horas. Ten un custe de 30 euros para o consumidor, pero poderanse mercar produtos cun valor de ata 50 € nun dos locais aheridos á campaña. Son un total de 750 as tarxetas en circulación e hai opción de empregalas en 72 establecementos da vila.

Arzúa non quixo suprimir o Día do Comercio Local, e por iso adicará a xornada de hoxe a favorecer aos comerciantes do municipio. Están confirmados 33 establecementos, cifra de inscritos que supera á de anos anteriores, e non faltarán as actividades de rúa. Durante a mañá haberá animación a cargo da agrupación musical Donaire, que dinamizará con música en directo a feira, as rúas e prazas da vila. Xa pola tarde, deseñouse a proposta chamada Rúas musicais con actuacións situadas en diversos puntos da vila para favorecer o movemento do público e evitar aglomeracións cumprindo os protocolos vixentes. Participarán de 16.30 a 18.00 h. Dani Riveiro & Christian Castrelo con versións galegas na Avenida de Lugo á altura da Libraría Cartafol; Lou Reyes e o seu blues na Praza do Peregrino ao carón da oficina de turismo; DJ Ferromona no cruzamento da Avenida de Lugo coa rúa Padre Pardo e a artista local Aldara na Praza de Galiza. As actividades da tarde pecharanse co pasarúas a cargo do grupo de gaitas arzuán Luar das augas que animarán a xornada de 18.00 a 20.00 horas.

Son iniciativas que a pesar de que adoitan realizarse cada ano, desta vez son máis urxentes ca nunca. Dende aquí animamos a apoiar ao pequeno comerciantes en momentos tan críticos. As compras de Nadal, mellor facelas na vila.