Cruz Vermella Ordes pon en marcha charlas sobre saúde

salud y bienestar
M. Outeiro
Un voluntario da Cruz Vermella con cupóns diante da sede ordense. Foto: CVO

A organización humanitaria Cruz Vermella de Ordes desenvolve accións enmarcadas dentro dun enfoque proactivo de promoción da saúde e os hábitos de vida saudables. Neste sentido, a asemblea local alumbrou os Martes Saudables, unha iniciativa coa que vai poñer o foco en aspectos como a saúde menstrual, anticoncepción e prevención de ITS ou cales son os tipos de medicamentos e como se usan.

A actividade será no Museo do Traxe, e comezará a próximo martes, 19 de outubro, ás 17.30 horas con Coñecémonos? A saúde menstrual, coidados e hixiene sexual. Seguirá o 2 de novembro, á mesma hora, con E ti con que te coidas? Anticoncepción e prevención de ITS; o 16 de novembro, 11.00 horas: Alimentación saudable; 30 de novembro, 11.00 horas: Uso de pantallas dixitais na infancia: efectos e recomendacións e o 14 de decembro, ás 17.30 horas, con E ti, como os tomas? Tipos de medicamentos e como se usan.

Para poder realizar estas charlas, Cruz Vermella conta coa colaboración de especialistas nas áreas da medicina e a saúde. As persoas interesadas, aínda que se trata dunha actividade de balde, teñen que formalizar a súa inscrición na asemblea de Cruz Vermella en Ordes, de maneira presencial ou telefonicamente nos números 981 216 497 e 670 261 201.