Culpan ao alcalde de retardar o Plan Xeral de Ordes dun xeito deliberado

Hai xa cinco anos que aprobaron en pleno dun xeito inicial este PXOM, segundo o BNG
Urbanismo
C. G.
Unha das charlas explicativas á veciñanza polo Plan Xeral que desenvolveron os edís do BNG de Ordes. Foto: BNG

Ordes. O BNG de Ordes acusa ao goberno municipal do PP de “retardar deliberadamente” a tramitación do Plan Xeral, cuxa aprobación inicial chegaba na sesión plenaria do 16 de marzo do ano 2016. Ao seu xuizo, esta dilación indebida “fica demostrada cando despois de cinco anos, o documento aínda non foi sometido á súa aprobación provisional polo propio pleno”.

Ao respecto, o portavoz nacionalista, Pablo Vidal, lembra que “desde a aprobación inicial o 16 de marzo de 2016, nestes cinco anos celebráronse tan só seis reunións para tratar o documento, tendo lugar catro durante o ano 2018 e dúas no ano 2019”.

Ademais, cre destacable que a resolución das alegacións tardase practicamente un ano en ser abordadas polo pleno da Corporación desde que fosen tratadas nas “escasas” reunións mantidas ata o momento, achacando este feito á necesidade do goberno municipal de “aparentar ante a veciñanza que se producen avances no PXOM, mentres por outra banda mantense atascada a tramitación da aprobación provisional do documento”, mentras que Oroso o sacou en tres anos. C.G.