Denuncia o PP de Melide un ‘pelotazo’ urbanístico

Urbanismo
C.G.
Dalia García. Foto: PP

Melide. A portavoz do Partido Popular de Melide, Dalia Couso, anunciou que a súa formación acudirá á Fiscalía se o goberno local aproba, no pleno extraordinario que se celebrará este martes, “a adquisición directa dun terreo para a construción dun aparcadoiro, a pesar dos informes negativos de Intervención”, indicou. “Estamos ante un posible pelotazo urbanístico en toda regra”, afirmou Couso, quen explicou que os terreos que pretende comprar o Concello de Melide “teñen unha cualificación de chan urbano non consolidado –destinado a vivenda– e cun valor real no mercado que non superaría os 150.000 euros”, indicou.

“Imos pagar un terreo no que non se pode construír un aparcadoiro a prezo de Milla de Ouro –950.000 euros–, o que suporá un importante desequilibrio orzamentario para unhas arcas municipais que nós deixamos con 4,5 millóns de euros de aforro e que, con esta operación, terían un déficit de 654.000 euros”, denunciou a edil popular.

Dende o partido reclaman, por unha banda, que non se realice esta adquisición e, pola outra, que o goberno local explique cales son os motivos para dar luz verde a esta operación. De momento, dende o Concello de Melide prefiren non facer declaracións. c.g.