Escaparates melidenses con encanto

Comercio local
Claudina Estévez
Un dos escaparates dun establecemento de Melide que participa no certame. Foto: C. Melide

Melide. O vindeiro 9 de xaneiro daranse a coñecer, ás 12.00 horas no salón de plenos da casa consistorial, os gañadores do concurso de escaparates de Nadal do Concello de Melide. Son moitos os locais que decidiron embelecer os seus escaparates con decoración relacionada cos motivos e ambientes de Nadal, de forma que contribuíron a adornar Melide nestas datas.

Á hora de seleccionar os establecementos gañadores, o xurado terá en conta a orixinalidade, a montaxe, a estética, a creatividade e tamén a ambientación de Nadal da decoración. Nesta edición, o concurso volve contar cun primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 500 euros e un terceiro galardón por valor de 250 euros.

Por certo que, para poder optar ao premio, os establecementos tiveron que permanecer decorados polo menos entre o 12 de decembro e o 6 de xaneiro. Foi unha boa opción para decorar a vila e potenciar o comercio local. C. E.