Estudan unha senda de Aiazo ata Ponte Carreira

seguridade viaria
Claudina Estévez
Pola esquerda, Roberto Rey e Valentín González. Foto: C.F.

Frades. Onte acudía ata Frades o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, con motivo dunha visita institucional. Estivo acompañado polo deputado Antonio Leira, o alcalde, Roberto Rey, e os portavoces dos grupos políticos representados na corporación. Durante a mesma o presidente provincial comprometeuse a estudar a viabilidade dun proxecto aprobado por unanimidade no pleno da corporación municipal para mellorar a seguridade viaria na estrada DP-3802 ao seu paso polo municipio fradense. Trátase concretamente do tramo de 2,3 quilómetros que une o núcleo de Aiazo co de Ponte Carreira. Acompañado polo rexedor da localidade visitou a citada vía, onde se propón a construción dunha senda peonil na súa marxe esquerda que permita mellorar a confianza nos desprazamentos que fan diariamente a pé os veciños e veciñas dos núcleos de Aiazo e Ponte Carreira. “Veremos se é posible na súa totalidade ou só unha parte dela, co compromiso do Concello de xestionar a cesión dos terreos sen necesidade de expropiación”, subliñou González Formoso. A contía do proxecto achégase ao 393.000 €, e o presidente provincial asegurou que se executará nunha ou dúas fases. Formoso repasou os investimentos na vila con financiamento provincial nos últimos 4 anos a través do Plan Único e que suman máis de 3 millóns. C.E.