Falece en Melide o condutor dun coche sen carné ao colisionar contra un camión

Accidente de tráfico
ECG
A colisión tivo lugar na estrada N-547. Foto: Pexels

Esta tarde falecía nun accidente de tráfico unha persoa de idade avanzada ao colisionar contra un camión no termo municipal de Melide. A vítima conducía un coche sen carné que foi esmagado durante o choque. Segundo os datos facilitados polo 112 Galicia, o servizo de emerxencias recibiu aviso deste accidente arredor das 15.40 horas da tarde de hoxe, a través dun particular. En concreto, a colisión tivo lugar na estrada N-547 na saída de Melide dirección Lugo, chegando ao polígono industrial da zona, a uns dous quilómetros da rotonda, segundo concretaron as mesmas fontes de emerxencias. Trala alerta, o 112 avisou ao 061, así como aos Bombeiros de Arzúa, Protección Civil e á Policía Local. Tamén interviñeron axentes da Garda Civil de Tráfico.

O 061 enviou ata o lugar ao helicóptero medicalizado que ten a súa base en Santiago de Compostela, pero o persoal sanitario xa nada puido facer por salvarlle a vida á vítima; soamente lles quedou confirmar o falecemento do condutor do coche, que viaxaba nun vehículo para o que non se require carné, tal e como confirmaron as mesmas fontes do servizo de emerxencias. E.C.G.