Falece o condutor dun turismo en Frades ao chocar contra un camión

Accidente de tráfico
Claudina Estévez
Tiveron que excarcerar á vítima. Foto: Pexels

Frades. Onte pola tarde perdía a vida o condutor dun turismo ao chocar contra un camión cando circulaba pola estrada AC 524, no punto quilométrico 10, á altura da parroquia de Abellá. Foi o condutor do camión implicado no sinistro quen contactou co 112 Galicia para alertar do accidente. Segundo informaron dende a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ao lugar do incidente envíaronse un helicóptero de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como unha ambulancia asistencial.

Tamén acudiu ao rescate o persoal sanitario do PAC de Ordes, e os bombeiros do municipio ordense. Segundo fontes do 112, estos últimos estiveron no lugar dos feitos para excarcerar á vítima que quedou atrapada no interior do vehículo.

O home, que tiña 75 anos, falecía no acto, polo que nada se puido facer por salvar a súa vida. C.E.