Falece o primeiro alcalde democrático de Trazo, Raúl Ríos, aos 76 anos

Obituario
Claudina Estévez
Imaxe da homenaxe a Raúl Ríos polo seu labor político e educativo. Foto: P.T.

TRAZO. Onte falecía Raúl Ríos Álvarez, antigo mestre do CPI Viaño Pequeno e primeiro alcalde democrático de Trazo ao resultar elixido nas municipais de 1979, encabezando unha candidatura independente. Un cargo que volvería ocupar en 1983 tras un conflito que incluíu peches veciñais na Casa do Concello e a mediación da Audiencia da Coruña. En 1984 ingresou no PSdeG e volveu ser escollido nas municipais de 1987 baixo estas siglas. Cesou en 1988 tras unha moción de censura. No 2008 máis dun centenar de veciños, amigos e ex concelleiros, rendíanlle unha homenaxe polos seus case 10 anos de labor político, e pola súa función como docente. Natural de Merelle, falece aos 76 anos tras unha longa enfermidade. Hoxe ás 18.30 ofrecerase unha misa en Boisaca, con 25 persoas, e o sábado será incinerado ás 11.00 tamén en Boisaca. C.E.