Forte inversión para renovar un espazo público en Mourelos de Abaixo, Touro

Obras
Claudina Estévez
Á esquerda, Ignacio Codesido, e no centro, Ángeles Vázquez. Foto: Xunta

Touro. A Xunta e o Concello de Touro colaborarán nas obras de humanización e rehabilitación dun espazo público no núcleo rural tradicional de Mourelos de Abaixo, tal e como establece o convenio subscrito entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ignacio Codesido. Cun investimento previsto de algo máis de 117.000 euros (contía que achegará nun 70 % o Goberno galego e nun 30 % a Administración local), os traballos pretenden mellorar o aspecto tanto estético como funcional do ámbito da actuación, que se centrará no viario público que dá servizo a este núcleo. En concreto, o proxecto prevé a substitución do pavimento actual por outro de formigón. Tamén se mellorarán os servizos, con 183 metros de rede de recollida de pluviais, unha canalización soterrada para cable de alumeado público e a instalación de 13 puntos de luz LED e arquetas. c.e.