Frades entrega vinte composteiros de Sogama entre os seus veciños
Frades. Coincidindo co segundo aniversario da adhesión do Concello de Frades ao programa de compostaxe doméstica de Sogama para a recuperación da materia orgánica en orixe, o concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, fixo entrega doutros vinte composteiros entre outras tantas familas do municipio. Deste xeito, xa son setenta e cinco as familias do municipio que se suman a este proxecto de valorización da materia orgánica nas súas vivendas para convertela nun compost de calidade.
Ferreiro Marzoa explica que “en vista da boa acollida que está a ter o programa, dende o Concello de Frades decidimos abrir unha lista para que se apunten aqueles veciños e veciñas que estean interesados en acoller un destes composteiros. Só teñen que chamar ao 981 695 567 ou pasarse polo Concello”. O único requisito para participar na iniciativa é dispoñer dun xardín ou dunha horta na que aplicar o compost resultante.
Os vinte composteiros repartidos foron achegados por Sogama e contan cunha capacidade de 400 litros, ademais de estar fabricados con materiais reciclados e reciclables.
A compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais. Dado que a materia orgánica representa o 42 % dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando así que os servizos municipais poidan minorar a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera.
Así mesmo, para o Concello de Frades supón “un importante beneficio económico, xa que reduce a cantidade de residuos que se envían a Sogama para o seu tratamento, polo que o importe da factura a pagar será menor”, apuntan fontes municipais. E, desde un punto de vista social, recuperarase unha práctica tradicional no rural galego, como é a separación dos restos orgánicos. C. E.