Humanizarán vías con sendas en Papucín e Fonte Santaia

humanización
O.D. Vilar
A conselleira Ángeles Vázquez co alcalde de Frades, Roberto Rey. Foto: XDG

Frades. A Xunta e o Concello de Frades investirán algo máis de 156.000 euros na execución das obras de humanización dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia. Con este obxectivo, a intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado público, e vanse cubrir os contedores.

Este foi o compromiso que acaban de asumir a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica para levar a cabo esta obra. O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 m2, correspóndese cos viais existentes no lugar da Igrexa, na parroquia de Papucín, e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa, parroquia de Moar.

En canto aos traballos, cun prazo de execución de 6 meses, a actuación principal consistirá na creación de itinerarios para peóns cunha largura de 1,8 metros, e cuneta transitable en Papucín. O.D. V.