Máis de medio cento de participantes no certame de tirapedras en Melide

Xogos Tradicionais
Claudina Estévez
Un momento do campionato deste xoves. Foto: AGXPT

Melide. Melide recuperou este xoves o Campionato de Tirapedras da Galiza central, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT). A cita contou con 55 tiradores, dez deles mulleres, que se reuniron na Praza das Coles da vila. Participaron en dúas categorías (de 8 a 14 anos e a partir dos 14) e en cada unha repartíronse tres premios.

O campionato, que cumpre as súas primeiras 14 edicións, foi concibido pola AGXPT nas súas orixes como un xeito de reivindicación dos espazos tradicionais de xogo, nunha vila situada no centro de Galicia que ten no casco histórico infinidade de prazas e recunchos nos que, en tempos, era posible xogar libremente.

Dende a organización agradecen a colaboración da Adega Mandil, que contribúe cos trofeos, do Concello de Melide, do Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, da Asociación Europea de Xogos e Deportes Tradicionais e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira. c.e.