Melide acondiciona un tramo da senda peonil da rúa Folicheiro para mellorar a seguridade

senda peonil
María Rendueles
Tramo da rúa Folicheiro no que se está a actuar. Foto: C. de Melide

Melide. O Concello de Melide está a levar a cabo obras de acondicionamento dunha senda peonil nun vial da rúa Folicheiro. Os traballos teñen por obxectivo mellorar a seguridade viaria na área a través da creación desta senda nunha vía que habitualmente é moi transitada por peóns. Ademais, a obra inclúe traballos de mellora da pavimentación existente, recollida de augas e área de estacionamento para vehículos.

O goberno local salienta que coa execución destes traballos procura ofrecer “unha vía segura máis ao numeroso grupo de persoas afeccionadas ás andainas no noso municipio”. Destaca o Concello que a nova vía enlazará co Camiño de Santiago en Furelos, ofrecendo novos espazos para camiñar seguros dentro da localidade.

A senda peonil, a ambas as beiras da vía, terá unha lonxitude total de 663,78 metros, cun ancho medio de dous metros, indican.

Segundo explican os responsables municipais, todas as actuacións están a levarse a cabo en terreos públicos de propiedade municipal. O orzamento desta obra é de 99.321,35 euros e os traballos durarán catro meses. maría rendueles