Melide anima a mercar nos comercios locais con grandes descontos

A tradicional feira de stocks desenvolverase os días 13, 14 e 15 no cantón de San Roque
Comercio local
Claudina Estévez
No centro, Pilar López e Xosé Igrexas, con dúas representantes dos establecementos asociados a Asetem. Foto: C. Melide

Melide. Melide acollerá a súa tradicional feira de stocks de verán baixo o nome de Mercamelide, que terá lugar no cantón de San Roque, como o ano anterior, debido a boa acollida tanto por parte do comercio melidense como pola afluencia de participantes.

Esta feira terá lugar os días 13, 14 e 15 de agosto. O venres en horario de tarde, o sábado con horario de mañá e tarde e o domingo pola mañá para facilitar as compras a veciños e visitantes.

O Mercamelide conta con 14 stands de comercios locais que venderán os seus produtos a baixo prezo e contará con todas as medidas de seguridade e protocolo fronte a COVID. A feira de stocks está organizada polo Concello de Melide e conta coa colaboración da Asociación de Empresarios da Terra de Melide CCA-Asetem. Xosé Igrexas, concelleiro de Promoción Económica, explica que “o cambio de localización do Mercamelide de verán incrementou os participantes en comparanza á mesma feira organizada no pazo de Congresos e Exposicións. A ubicación inaugurada no 2019 pretende dinamizar o noso comercio local, darlle pulo e incentivar un dos factores máis importantes da nosa vila como é o comercio de proximidade”, explica.

Asemade o Concello ten preparadas unha serie de actuacións musicais para animar a xornada de compras. Uns concertos que se desenvolverán paralelos á feira de stocks. Así, o venres 13 de agosto actuará Xabier Díaz, o sábado 14 será a quenda para A Banda da Loba e o domingo 15 para Garufa Blue Devils Big Band.

Este evento convida así a veciños e visitantes a mercar no comercio local, un dos sectores que máis afectado se viu pola pandemia. Os prezos reducidos serán un aliciente para animar ás compras. c.e.