Melide celebra as Letras con música, teatro e tertulia

Día das Letras Galegas
S. E.
O centro sociocultural Mingos de Pita acollerá gran parte das actividades

MELIDe. O Concello de Melide volve organizar un completo programa con motivo do Día das Letras Galegas. As actividades prolongaranse desde o 13 de maio, ata o 17 de xuño. A difusión da figura homenaxeada, Florencio Delgado Gurriarán, centrará boa parte da programación. Así, a Casa do Concello acollerá desde este venres a exposición Florencio Delgado Gurriarán, vida e obra. A mostra compleméntase coa tradicional emisión dun programa monográfico o luns 16 de maio en Radio Melide.

Así mesmo, os colexios e o IES de Melide centrarán unha parte importante da programación. Como cada ano, repartirase material de difusión da figura homenaxeada entre o alumnado. Nesta ocasión, alén do tradicional díptico, IES e o Concello colaboraron para a elaboración dun milleiro de estoxos que tamén se repartirán. O estoxo recolle uns versos de Delgado Gurriarán e unha ilustración obra de Sé Senande, profesora de Plástica no IES. Ademais, o alumnado do IES participará en dúas actividades. A primeira, o luns 6 de xuño ás 12 da mañá, será o espectáculo do grupo Zënzar Música e lingua. No encontro, os integrantes de Zënzar debullarán, de xeito ameno e visual e con axuda de recursos audiovisuais e orais, a importancia da lingua e a súa relación coa nosa cultura. O espectáculo propón, á vez, un percorrido pola historia da música contemporánea, a través de artistas e grupos como Andrés do Barro, Os Resentidos, Heredeiros da Crus, SES ou Tanxugueiras. A actividade compleméntanse con Músicas Galegas Ilustradas, de Laura Romero, que falará de música en galego e xénero. O espectáculo terá lugar no Mingos de Pita. A segunda actividade para o alumnado será a representación de O Porco de Pé no mesmo lugar o 13 de xuño ás 12.00 h. A mencionada obra terá unha función para o público xeral. Será o sábado 11 de xuño, ás 21.00.

O 17 de maio, o centro Mingos de Pita acollerá o acto Melide e a literatura. 1º Encontro con autores/as melidáns/ás no Día das Letras Galegas. Tamén o xurado do II Premio de Relato Corto en Prol da Igualdade dará a coñecer aos gañadores. s. e.