Melide énchese de teatro durante o mes de outubro

Teatro
Claudina Estévez
Cartel da obra. Foto: A.C.C.

Melide. A Asociación Cultural Charamela de Melide organiza unha nova edición do Ciclo de Teatro Afeccionado. Comeza o sábado, día 1 de outubro, da man do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira que presentará a súa obra O rei Telesforo busca noiva.

A actuación será o 1 de outubro no Centro Sociocultural Mingos de Pita. A entrada é de balde e está recomendada para nenos e nenas maiores de 12 anos.

Esta obra trátase dunha comedia con moitos enredos e bastante retranca, coa intención de conseguir que o público esqueza os seus problemas diarios e desfrute do teatro, do humor e da sátira. Ambientada no medievo, goza dun vestiario de época e dunha escenografía que combina elementos tradicionais con novas técnicas de luz e son para unha posta en escena final que non deixará a ninguén indiferente. Está dirixida por Óscar Romero Martínez e Segundo Durán.

O Ciclo de Teatro Afeccionado vai xa pola súa décima edición. As seguintes funcións son os días 8, 15 e 22 do vindeiro mes. Teatro para todos e todas este outono. C.E.