Mil quilos de tapóns orosáns para axudar ao neno Matías

Acción solidaria
M. Outeiro
Matías coa súa nai na recollida dos tapóns doados no Concello de Oroso. foto: CDO

Oroso. O Concello de Oroso, e ao abeiro da súa proposta para instalar dous corazóns solidarios de cara a recoller tapóns de plástico, acaba de reunir a segunda tonelada deste material, que destinarán ao neno Matías Rey, un rapaz compostelán que sufriu parálise cerebral, á que suma doenzas como son a cardiopatía, epilepsia e autismo.

Deste xeito, a nai de Matías vén de recoller os tapóns, e hai que lembrar que a semana pasada, Oroso xa conseguira a primeira tonelada deste material, que foi doada á ONG Axuda a Burundi. Dende o Concello animan á cidadanía e a todos os que desexen axudar a seguir depositando tapóns nos corazóns solidarios situados nas prazas Isaac Díaz Pardo e na de Alexandre Bóveda. M. Outeiro