Mineiros do Pino e Touro festexan Santa Bárbara con 2.000 persoas

Reivindicaron o seu labor para a comarca e aplaudiron a actividade de Cobre San Rafael
Minería
M. Arias
Un momento da reunión en Touro dos mineiros para festexar a súa patroa, Santa Barbara. Foto: MDT

Lalín. A Asociación de Mineiros Touro O Pino reuniu a numerosos amigos e simpatizantes na tradicional festa da súa patroa, Santa Bárbara, o venres en Touro. Acudiron representantes do tecido social da contorna. asociacións veniñais, sindicatos e empresarios, que poideron ver actuar a Os Carismáticos e tamén a Los Satélites.

Dende a asociación agradeceron o compromiso co seu obxectivo, e cuantifican en 2.000 os asistentes (1.200 persoas no momento de maior afluencia). “Foi un gran éxito considerando que os municipios de Touro e O Pino suman uns 8.200 habitantes”, divulgaban os organizadores.

A celebración, adiada no seu día pola covid, quere reivindicar o traballo da minería como ocupación moi digna e vital para a sociedade e a comarca. O alto número de participantes “é proba de que a maioría dos seus veciños queren apostar pola prosperidade que supón volver producir metal para xerar emprego e riqueza na nosa contorna”, explican os convocantes, asegurando que a imaxe da xuntanza xa é “un si moi forte ao progreso, que esperamos chegue aos oídos dos que teñen que tomar as decisións”.

A xuntanza comezou con varios discursos, entre eles do seu presidente Javier Balado, presidente da asociación. Destacaron os labores de depuración que puxo en marcha Cobre San Rafael por unha mineiría “comprometida, para a xente, ecolóxica e compatíbel co medio ambiente”, e din que non van parar ata asentar a minería como futuro para a comarca. M. Lois