Ulla-Tambre

Ten un percorrido de vinte kilómetros entre a área de Brandelos e o cruceiro de Arca
Sendeirismo
ARCA
Os alcalde de O Pino e Touro, no centro, presentando o Trail

O Pino. Os alcaldes de O Pino, Manuel Taboada, e Touro, Ignacio Codesido, presentaron este venres a primeira edición do Trail comarca do Ulla-Tambre que, cunha distancia aproximada de 20 quilómetros, se vai disputar o vindeiro domingo 3 de abril entre a área recreativa de Brandelos (Touro) e o cruceiro da igrexa de Arca (O Pino). Os dous alcaldes animaron aos afeccionados ao atletismo e ao sendeirismo a participar neste primeiro trail conxunto entre os dous concellos.

Iván Sanmartín e José Ramón Puga, técnicos de deportes do Pino e Touro, respectivamente, explicaron algunhas das características técnicas deste trail, cunha distancia aproximada de 20 quilómetros e un desnivel positivo de 750 metros (uns 1.450 metros de desnivel acumulado).

As persoas participantes deberán concentrarse na meta, situada no cruceiro da igrexa de Arca. Alí recollerán os dorsais e amosarán o certificado covid. Despois serán trasladadas en autobús ata o punto de saída, na área de Brandelos. Durante a carreira, os atletas pasarán pola senda da fervenza do Batán e o mirador do coto de San Sebastián (Touro), máis tarde subirán ata o mirador do Picón (O Pino) e baixarán ata Astrar ata chegar a meta no cruceiro da igrexa de Arca.

Na proba establécense cinco categorías (sénior, máster 1, 2 e 3, e absoluta, tanto masculina como feminina). O prazo de inscrición está aberto ata o 30 de marzo ás 23.59 horas na web de Carreiras Galegas. O prezo é de 12 €. arca