O BNG de Arzúa alerta dos recortes bancarios

Cierre de sucursales bancarias
María Rendueles
Membos do BNG frente a entidade bancaria en Arzúa

Arzúa. O Bloque Nacionalista Galego de Arzúa fíxose eco do anuncio por parte do banco Sabadell de pechar a oficina que ten nesta localidade ante o ERE anunciado pola entidade. Desde o BNG alertan do recorte de servizos que “é só a punta do iceberg do desmantelamento de servizos que se está a producir en moitos concellos rurais coma o noso” explicou Xoán Xesús Carril, portavoz municipal.

Desde o Bloque explican que “de consumarse o peche desta sucursal será moita a veciñanza afectada, moita dela de idade avanzada, que se verá obrigada a cambiar todas as súas contas e xestións financeiras a outro banco” dixo Carril. Por este motivo, o portavoz municipal do BNG chama ao goberno municipal arzuán a “saír da pasividade na que están instalados e defender Arzúa”, sinalan. Insta ao goberno arzuán “a pór os servizos do concello ao dispor das veciñas e veciños que o precisen á hora de ter que realizar todos eses trámites” explicou Carril.

Os nacionalistas apuntan ao goberno da Xunta de Galiza como “cómplice co desmantelamento dos concellos rurais”, afirmaron. “Resulta escandaloso e perverso que dende o goberno da Xunta non só non fan fronte a esta situación, senón que son cómplices do desmantelamento, convocando axudas millonarias destinadas a premiar o peche de oficinas, subvencionando caixeiros automáticos con cartos públicos en locais cedidos polos concellos”, indicou Carril. m. rendueles