O éxito da inserción laboral na EFA Piñeiral arzuá provoca que haxa excedente na bolsa de emprego

Educación
C.G.
Alumnado do Ciclo Medio de Auxiliar de Enfermaría dunha promoción pasada. Foto: EFA

A EFA Piñeiral de Arzúa, centro formativo que dende as súas orixes (hai case 50 anos) ten como obxectivo fundamental a promoción do seu territorio, vén de facer un encontro con axentes locais e técnicos de desenvolvemento das comarcas de Ordes, Arzúa, Melide e Santiago co ánimo de crear sinerxias, analizar e achegar solucións aos problemas e retos dos territorios. Segundo comenta a responsable de Comunicación da EFA arzuá, Inma Carbia, “temos máis ofertas laborais ca alumnado formado e non insertado. Isto obedece ao éxito do proxecto educativo e ao contacto permanente do alumnado coa empresa”.

Durante a xuntanza abordaron entre todos como solucionar a falta de técnicos. “Concluímos que é necesario facer máis xornadas de visibilización de certas profesións nas que existen carencias para que a xente tome consciencia da proxección de futuro que teñen e se decante por elas”, explica Inma. “Por exemplo, recibimos moitas solicitudes para contratar profesionais de Axuda no Fogar, no sector da panadaría e do comercio e non damos suplido as demandas”, conta.

Con ánimo de promover a formación naquelas disciplinas nas que constatan carencias; as EFAs de Galicia continuarán facendo encontros, neste caso cos empresarios das comarcas para “detectar os perfís profesionais que precisan e así orientar a formación por esa liña”. E é que dende a EFA Piñeiral queren deixar claro que o seu traballo é ese: por unha banda a promoción profesional con ciclos formativos, certificados de profesionalidade, cursos de idiomas, formación á carta... e por outro, son un centro de orientación laboral. Hoxe día contan con máis de 250 empresas colaboradoras e cada trimestre o alumnado pasa por unha. “Segundo o ciclo dure un ou dous anos poden chegar a formarse en ata sete empresas distintas”, aclara.

Actualmente os ciclos que ofertan son o Ciclo Medio de Panadaría, Repostaría e Confitaría, o Ciclo Medio de Auxiliar de Enfermaría, o Ciclo Medio de Actividades Comerciais, e o Ciclo Superior de Xestión de Vendas e Espazos Comerciais.

“Reforzar a liña de capacitación no campo dos servizos de atención á comunidade e da saúde” é unha das finalidades que teñen en mente, segundo sinalan dende o centro. “A nosa misión é a de contribuír ao desenvolvemento do territorio no que nos asentamos. E entendemos que esa dinamización ten que necesariamente levarse a cabo mediante a formación, de aí que procuremos que a oferta do noso catálogo de accións formativas dea respostas concretas e aplicadas ás demandas reais dos nosos concellos, da súa poboación e do seu tecido empresarial”, afirma a directora da EFA, Ana Saavedra. “O noso rural precisa servizos, precisa iniciativas e profesionais que axuden á fixación da poboación, que faciliten a conciliación e que sexan quen de achegar o valor engadido que os nosos recursos precisan”. Os interesados en orientarse ou cursar un ciclo teñen que contactar no 981 500580 ou en pineiral@pineiral.es.