O goberno local fradense pon o foco na luz e
o combustible

Pleno
C.G.
Un momento do pleno de Frades. Foto: C.F.

Frades. O pleno municipal de Frades aprobou na sesión ordinaria do mes un suplemento de crédito de 98.084,68 euros con cargo a anulacións ou baixas de créditos doutras aplicacións e que será destinado principalmente a financiar o aumento de gasto en alumeado público e combustible. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e BNG.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “hai que incrementar en 60.000 euros a partida inicial de 120.000 euros destinada a alumeado público debido ao aumento do prezo da luz e a pesar de que en Frades temos gran parte da nosa rede en tecnoloxía Led”. A partida destinada a combustibles pasa de 20.000 a 32.000 euros, debido ao incremento do prezo do gasoil e, vencellada a ela, tamén se incrementan de 25.000 a 31.000 euros os cartos dispoñibles para reparacións de maquinaria e apeiros. Finalmente, a partida dedicada a estradas e infraestruturas medra en 17.000 euros, ata case 110.000 euros.

Estes 98.084,68 euros proceden de baixas doutras partidas, principalmente do adiamento ao exercicio de 2023 da sinatura de dous convenios coa Xunta de Galicia, segundo indica o Concello. c.g.