O Pino pide rebaixar as peaxes da AP-9 e a transferencia da autoestrada á Xunta

Pleno Concello
Claudina Estévez
Imaxe da sesión plenaria telemática. Foto: C. O Pino

O Pino. O pleno da Corporación do Pino aprobou por unanimidade na última sesión o plan estratéxico de subvencións do concello para os vindeiros tres anos. Cos votos a favor de PP e BNG, e en contra do PSdeG, deuse luz verde á moción do goberno local que solicita a aplicación inmediata de rebaixas nas peaxes da AP-9 e a transferencia da autoestrada á Xunta de Galicia. Cos votos en contra do equipo de goberno local rexeitouse a devolución parcial da taxa de recollida do lixo aos establecementos e comercios que tiveron que pechar durante o ano pasado por mor da pandemia.

O alcalde, Manuel Taboada, argumentou a negativa alegando que “ xa se rebaixou a taxa do lixo nun 10% para toda a veciñanza do municipio”, e que “o sector da hostalaría puido incluír estes gastos tanto nas axudas que sacou o concello como as promovidas por outras administracións”, explicou o rexedor.

O Concello anunciou asemade que se vai acometer unha actuación urxente na estrada de Bama para arranxar o firme ata que non se poña en marcha unha acción máis ampla nesta vía, incluída no Plan complementario do POS+ 2020. Unha información que favoreceu que os socialistas decidisen retirar a moción que tiñan presentada ao respecto. C.E.