O PP de Melide critica que nos orzamentos só sube o gasto de persoal

Denuncia un aumento do dezaoito por cento e pediu, sen éxito, conxelar os salarios
Orzamentos
ARCA
Dalia García, voceira do PP de Melide

Melide. Os populares melidenses explican que rexeitaron as contas que o goberno de Pérez propuxo para a súa aprobación “por seren estas unhas contas faltas de realismo, moi previsibles (visto o traballo do bipartito AM-PSOE en tempos de pandemia) e cunha eiva fundamental; non son uns orzamentos sociais”, apunta Dalia García.

A voceira do PP dixo que a diferenza máis subliñable respecto á contas de 2020 é a suba de case un 18 % do capítulo de gastos de persoal.

Sobre elo, os populares instaron ao bipartito a conxelar os salarios dos tres membros con dedicación exclusiva do goberno e do xefe de gabinete para que non aplicasen a suba do 2 % que se prevé na memoria de Alcaldía para os empregados municipais. “Por parte de AM-PSOE a resposta que se obtivo foi a do silencio”.

Sobre o persoal, para o PP o máis grave “é que pretenden enganar aos melidenses” dicindo “que se crea emprego de calidade”, cando as sete prazas que queren crear “son manifestamente ilegais, tal e como se desprende dos informes de Intervención e de Secretaría que acompañan”.

“Son prazas que se crean por 2 anos, para ser desenvoltas por persoal laboral temporal, cando deberían ser executadas por funcionarios ou interinos”, sinala o PP. arca