Obradoiro de diversidade afectivo-sexual en Tordoia

Obradoiro
Claudina Estévez
Cartel do obradoiro. Foto: C.T.

Tordoia. O Concello de Tordoia informa de que está aberto o prazo, ata o 20 deste mes, para anotarse ao obradoiro de diversidade afectivo-sexual que imparte o centro Quérote+. Dende o goberno local explican que “o proceso de sexuación, a través do cal nos configuramos como seres sexuados, leva consigo un resultado que se pode resumir nun único adxectivo: diversos/as. Promover o coñecemento e o respecto da diversidade sexual ten como obxectivo prioritario que cada persoa se desenvolva, medre e se constrúa libre de prexuízos e modelos normativos”, explican.

E precisamente con ese obxectivo se pon en marcha o obradoiro DIVERS@S, que se basea primordialmente na introdución de conceptos relativos á identidade sexual e á orientación do desexo, co fin de analizar e diferencialos como elementos clave dentro do proceso de sexuación humana. O taller vai dirixdo aos mozos de entre 16 e 18 anos e realizarase o 1 de decembro ás 16.45 horas na casa da cultura. Dende o Concello informan de que deberán anotarse un mínimo de dez persoas para que se desenvolva. Inscricións e máis información, nos servizos sociais comunitarios (981 690 001). Colabora a Xunta de Galicia. c.e