Oroso aproba melloras na rede viaria en Deixebre, Os Ánxeles e Trasmonte

Obras
El Correo Gallego
Imaxe da rúa na que se atopa a casa do concello

Oroso. O Concello de Oroso vai pór en marcha traballos para mellorar a rede viaria e os camiños en distintos núcleos de poboación das parroquias de Deixebre, Os Ánxeles e Trasmonte. A rede viaria dos lugares afectados: A Igrexa, Cas, Vilar de Abaixo, Zan e A Costa, “presentaba un forte desgaste no pavimento actual debido ao intenso fluxo de tráfico que soportan, tanto de vehículos lixeiros como pesados, asociados a actividades agrícolas e gandeiras”, sinalan fontes municipais.

Os labores contan cun orzamento de 275.000 € e están incluídos dentro do Plan Único de Concellos da Deputación Provincial da Coruña. Para o arranxo e acondicionamento destes viais, a previsión é restablecer o pavimento e proceder á colocación de sinalización vertical e horizontal. “Estas intervencións súmanse a actuacións anteriores do Concello para renovar constantemente os servizos e infraestruturas municipais, tanto no casco urbano como nas parroquias”, explica o alcalde, Manuel Mirás. Son unhas intervencións que dan resposta a unha vella demanda da veciñanza destas parroquias. A.P.