Os fradenses teñen unha cita co Multixogo Nadal o vindeiro 2 de xaneiro

Atópase no multiúsos Fontes do Sar de Santiago e hai ata o día 29 para inscribirse
Nadal
Claudina Estévez
Imaxe do multiúsos Fontes do Sar. Foto: Santiago Turismo

Frades. O Concello de Frades lémbralle aos nenos e nenas que este Nadal organiza unha excursión ao Multixogo Nadal: 3.500 metros cadrados de atraccións no multiúsos Fontes do Sar de Santiago. A cita está prevista para o luns 2 de xaneiro. Haberá simuladores, tirolina de 80 metros, rocódromo, piscina de bolas, karts a pedais, videoxogos, xogos populares, actividades deportivas e obradoiros de Nadal.

Asemade, segundo indican dende o goberno local, a música correrá a cargo de Pakolas co seu espectáculo Rockeando con Ramona Órbita. Os e as que desexen participar teñen que anotarse no Concello no teléfono 981 695 567 e hai como límite ata o vindeiro día 29. O prezo son 6 euros para as persoas empadroadas ou escolarizadas no CPI Ponte Carreira e 9 euros para o resto.

Dende o Concello lémbranlle aos pais e nais que os menores de 12 anos deberán asistir acompañados e que poden levar merenda ou ben mercala no recinto.

Esta trátase dunha das actividades que conforman a ampla programación de Nadal do Concello. Dende o goberno local lembran que o día 5 de xaneiro os máis pequenos da casa teñen unha cita coa Cabalgata e co Festival de Reis, o colofón perfecto para despedir as festas. C.E.