Participan no certame Góis-Oroso Arte autores procedentes de 25 países

Arte
Claudina Estévez
Vanesa Boo e Luis Rey durante a inauguración. Foto: C. Oroso

OROSO. O alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, e a concelleira de Cultura, Vanesa Boo, participaron esta fin de semana na localidade portuguesa de Góis na inauguración dunha nova edición do certame internacional Góis-Oroso Arte. Esta cita celébrase tradicionalmente en xullo en Góis e en setembro en Oroso, pero este ano, como novidade, fará unha parada intermedia no concello de Cangas (Pontevedra). Participan na exposición artistas de 25 países. “Quero agradecer a invitación da presidenta da Cámara, Lurdes Oliveira, e o agarimo co que sempre nos tratades na vosa casa, que xa tamén a sentimos como nosa desde hai anos; é ademais a miña primeira visita a Góis como alcalde de Oroso”, afirmou Luis Rey na súa intervención na inauguración. “Oroso e o noso concello irmán de Góis abrimos un ano máis a fiestra da expresión artística para que os creadores ensinen aos nosos veciños a súa visión da realidade a través da pintura, a fotografía e a escultura”, apuntou. Tanto o alcalde orosán como a presidenta da Cámara Municipal de Góis e a concelleira de Cultura da vila destacaron a calidade das obras, moitas delas con referencia aos momentos máis duros da pandemia. “A cultura e o diálogo son prioridades de goberno”. C.E.