Reparan o vial entre Campo e Loureiros, na vila de Frades

Estradas
Claudina Estévez
Estrada que se mellorou na parroquia de Vitre. Foto: C. Frades

Frades. O Concello de Frades vén de investir máis de 39.982,08 euros na mellora da estrada entre as localidades de Campo e Loureiros, na parroquia de Vitre. Unha actuación financiada grazas ao Plan Estratéxico de Infraestruturas no Medio Rural, PEIM, da dirección xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.

As obras consistiron na reparación de fochancas e asfaltado en quente de toda a plataforma, así como no pintado e colocación da correspondente sinalización horizontal e vertical. Unha intervención que o Concello de Frades complementará nas próximas semanas, nas que investirá outros 10.000 euros na mellora do viario da localidade de Campo á Pista, tamén na parroquia de Vitre.

Neste caso, o goberno local procederá ao asfaltado de catro tramos de estrada, que suman unha distancia de 655 metros, cun tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e instalación dun sinal de Stop. Os labores están incluídos no Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2021-22. En total, este plan recolle actuacións en catro pistas da vila e foi adxudicado á Cosmalca SL por 48.008 €. C.E.