Saúde non recomenda o baño na área de Chaián

Contaminación
ARCA
O secretario xeral dos socialisas, Jorge Noya

Trazo. O PSOE de Trazo trasladou ao goberno local unha batería de preguntas sobre as razóns que propiciaron que a Dirección Xeral de Saúde da Xunta recomende non bañarse na área recreativa de Chaián, no río Tambre. O secretario xeral, Jorge Noya Pereiro, considera que “estamos ante unha situación de moita gravidade nunha das zonas máis turísticas de Trazo, como é a área de Chaián, e xusto cando comeza a época de verán resulta que non é posible o baño debido a unha contaminación microbiolóxica da que o Concello nin informou nin dixo absolutamente nada, cando as análises están datadas do 17 de maio”.

Explican que os resultados dos controis microbiolóxicos das augas da zona dan uns resultados de 1.100 NMP/100 ML en escherichia coli (bacteria que se atopa nos intestinos de persoas e animais) e de 340 NMP/100 ML en enterococo intestinal (bacteria fecal). Os resultados máis elevados, pero aceptados dentro dos estándares de seguridade, son os do río Furelos en Melide (270 e 53) ou do río Tambre en Tapia (Ames, 180 e 9). Unhas cifras que a área de Chaián multiplica por dez. “Queremos que a alcaldesa diga dende cando ten coñecemento e que medidas vai tomar”, indica Noya. arca