Sen palabras: tiran unha bolsa do lixo que contiña tres cans recén nacidos

Daniel, Alicia e Luana foron os mozos que lles salvaron a vida // Sucedeu en Chaián, Trazo
Maltrato animal
Alba Prada
O Concello encargouse de atender aos animais a noite na que os descubriron. Foto: C. Trazo

Os actos de crueldade animal non dan un respiro. Cando toda España está en shock polo escándalo de Vivotecnia (ante o que os composteláns levantaron as voces o domingo na Praza do Obradoiro), cando Galicia lamenta o tiroteo propiciado a un can e o apuñalamento a un gato en Santa Comba... aparece un novo caso en Trazo para engadir a esta barbarie.

O pasado sábado, a eso das 21.30 horas da noite, tres rapaces de Trazo: Daniel, Alicia e Luana convertéronse en auténticos heroes. Grazas a eles hoxe seguen con vida os tres cans recén nacidos que atoparon dentro dunha bolsa do lixo, tirados en medio do monte. “Estábamos falando sentados preto da Capela de Augas Santas, en Chaián, cando comezamos a escoitar uns ruídos”, relata Daniel. “A min parecíanme gatos, pero ao final supuxemos que eran uns paxaros”, conta. Pero os lamentos non cesaban en ningún momento, e foi entonces cando os tres rapaces decidiron erguerse e seguir o son. “Acabamos meténdonos no medio do monte e alí vimos unha bolsa do lixo”. Cando a abriron apareceron tres cachorros negros “debían ter como moito unha semana de vida” que estaban chorando continuamente, rodeados dos seus propios excrementos, e que non morreron da calor por pura sorte: “ese día pegaba moitísmo o sol”, lembra Daniel.

Inmediatamente os rapaces comezaron a chamar a todas as autoridades que se lles ocorreron: “avisamos a Emerxencias, á Garda Civil e finalmente a un policía local de Trazo, que llo comunicou ao Concello”. A propia alcaldesa, Fina Suárez, que non dá crédito ao sucedido, encargouse de que os cans estivesen perfectamente atendidos na casa dun particular e á mañá seguinte, moi cedo, leváronos ata Bando, en Santiago. “Alí comentounos un veterinario do refuxio que se ía encargar persoalmente de alimentar aos cans e facerlle as probas pertinentes”, explica. Todos aqueles interesados en contactar co Refuxio para saber cando poden adoptar a un destes pequenos teñen que chamar ao 981 575 957 ou ben ao 646 492 835. Na páxina web refuxio.gal está toda a información acerca desta fundación, clave para a protección dos animais.

De momento nada se sabe do autor ou autora desta atrocidade. Con todo, Daniel contoulle a este xornal que ese día, arredor das 18.30 horas, viron pasar un coche moi despacio pola zona. “O condutor quedóusenos mirando”, sinala o rapaz. “Pareceume sospeitoso, pero claro, ao mellor non ten nada que ver”, aclara. Sexa quen sexa o artífice do delito, dende aquí agardamos que pague polas súas accións, e lembrámoslle que os animais teñen o mesmo dereito á vida que o ser humano. O home non é ningunha especie de Deus que decide a súa sorte. Xa está ben de tantos e tantos casos de maltrato, xa está ben de que as autoridades miren cara outro lado. E xa está ben de consideralos inferiores, de cargar con eles as frustracións e de velos como meros obxectos. Senten coma nós.

E como moi ben dicían o domingo os defensores dos animais que se congregaron na Praza do Obradoiro compostelá: “dales voz, os necesitamos, os necesitan”.