Solicita o PP de Melide un maior coidado do mobiliario municipal

Insisten en que están abandonadas carpas no centro de saúde e no campo de fútbol
Oposición
Claudina Estévez
O PP critica a falta de mantemento dos xardíns. Foto: PP

Melide. A voceira popular de Melide, Dalia García, denuncia “o estado no que se encontra parte do mobiliario municipal”. Segundo indican dende o partido, “mentres se gastan cartos en alugueiro de carpas para eventos culturais, as que posúe o concello dende hai anos están sendo estragadas por un mal uso e un estado de abandono palpable”, sinalan os populares. “O despilfarro de recursos públicos en cuestións que non repercuten no interese público parece ser o único que saben facer ben os actuais responsables municipais”, afirma o PP.

Así as cousas, detectan “un estado de deixamento respecto a dúas carpas situadas dende hai máis dun ano no campo de fútbol municipal e outra no centro de saúde antigo que lonxe de recollerse levan semanas abandonadas”.

A isto engádeselle “a falta total de mantemento da xardinaría, abandonada a súa sorte, tanto do antigo centro de saúde como do novo, coa conseguinte imaxe dun Melide abandonado a súa sorte por culpa da incapacidade dos que nos gobernan”, sinalan dende a formación conservadora, que amosan preocupación por outras cuestións das que irán “informando progresivamente”, insisten dende o partido.

Sinalan, en definitiva, a necesidade de que o Concello se implique máis no coidado do mobiliario público e igualmente no mantemento das zonas verdes do municipio. Ante ditas críticas, o goberno local decidiu absterse de facer ningún tipo de declaración ao respecto. C.E.