Tordoia porá en marcha dúas casas do maior este ano

Personas mayores
M. Outeiro
Inmoble da casa da cultura de Pontepedra, en Tordoia, onde ubicarán unha casa do maior. Foto: GM

Tordoia. O Concello de Tordoia comezou o ano 2022 con boas novas, xa que en breve vanse poñer en funcionamento dúas casas do maior que estarán situadas nos baixos da casa da cultura, no núcleo de Pontepedra.

Contarán cun total de dez prazas para dar atención de luns a venres en horario de 09.00 as 17.00 horas, coa posibilidade engadida de incluír transporte e xantar no propio centro. Hai que suliñar que este novo servizo será totalmente gratuíto para os usuarios, segundo divulga a administración local.

A posta en marcha destas casas do maior de atención diurna “é o resultado do noso afán e compromiso pola mellora continua da calidade na prestación de servizos das persoas maiores no noso Concello”, apuntaban dende o executivo. Os interesados en obter máis información poden pedila na área de Servizos Sociais, xa que vai ser o departamento encargado de tramitar as solicitudes ante a Xunta de Galicia. O seu teléfono é o 981 690 001. Segundo a Xunta, trátase dun servizo dirixido a maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, e para persoas maiores sen dependencia, para favorecer a súa autonomía persoal. M. Outeiro