Touro busca fomentar a natalidade con axudas económicas para os pais

Natalidade
Claudina Estévez

Touro. O Concello de Touro acaba de pór en marcha unha liña de axudas coa finalidade fomentar a natalidade e o asentamento da poboación no territorio do municipio. A contía da axuda é de 1.000 euros por cada fillo ou filla nados, adoptados ou acollidos e 1.500 euros no caso de que o fillo nado ou adoptado sexa o segundo ou sucesivos ou no caso de nacementos ou adopción de nenos con algunha discapacidade recoñecida cun grado igual ou superior ao 33%. En caso de partos múltiples, terase dereito a percibir un 100% adicional para cada fillo nado.

As persoas beneficiarias desta achega, cuxa convocatoria está aberta todo o ano, serán conxuntamente os proxenitores ou adoptantes, segundo detalla a normativa ao respecto impulsada polo Concello. As solicitudes das axudas deben presentarse no rexistro xeral municipal e terán que facerse no primeiro ano de vida do menor ou ata os tres anos de idade do menor adoptado. c.e.