Un ferido, retencións e lixo ciscado ao envorcar un camión en Sigüeiro

Tráfico
M. Outeiro
Estado da estrada co lixo espallado e o camión envorcado. Foto: Antonio Hernández

Un camión cargado con lixo envorcou este venres preto da rotonda que une a AP-9 coa nacional N-550, no entronque de Sigüeiro, Oroso, provocando grandes retencións na zona pasadas as 18.00 horas. Segundo as primeiras informacións, o condutor estaba ferido, pero xa fóra da cabina, e o vehículo accidentado ocupa parcialmente un carril. Segundo trascendeu dende o 112, parte da carga caeu á vía, polo que, desde Emerxencias Galicia avisou ao persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento. Tamén están informados os Bombeiros de Ordes e Santiago, así como os voluntarios de Protección Civil de Oroso. Para atender ao lesionado, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou unha dotación ao punto, que, xunto cos outros recursos de emerxencias, continúan traballando no lugar do accidente.