Un veciño de Melide pide prudencia nos pasos de peóns sen semáforo

Denuncia
Claudina Estévez
Praza na que se ubica o Concello de Melide. Foto: E.E.

MELIDE. Vicente Casais Vidal, de 57 anos, é un veciño de Melide invidente, que sofre unha cegueira total, e que quere denunciar a “falta absoluta de coidado” que teñen moitos condutores nos pasos de peóns sen semáforo. Segundo indicou a este xornal, o pasado mércores día 14, sobre as 18.00, case foi atropelado por un coche nunha vía secundaria da estrada de Toques. Segundo contou Vicente, o condutor de dito vehículo non quería recoñecer que era invidente e aínda que acabou chegando a policía local, o coche xa fuxira. Tamén sufrira antes outra situación así na que o condutor implicado nin parou. “Non quero coller medo a saír á rúa por estas experiencias”, di. Sabe que non poden colocarse semáforos en todos os pasos, como os que usa para ir á residencia ou ao centro de saúde, pero pide “prudencia”. C.E.