1º de maio, pandemia e reivindicación laboral

Manuel Mera

O vindeiro sábado celebrarase en todo o mundo o Dia Internacional da Clase Traballadora. A data foi instituída pola Segunda Internacional no ano 1889, como unha xornada reivindicativa e en lembranza das loitas e sacrificios do movemento obreiro e como homenaxe aos mártires de Chicago. Folgas e mobilización masivas reclamando a xornada laboral de oito horas, que foron duramente reprimidas. Na nación galega as primeiras manifestacións conmemorando o 1ª de Maio realizáronse entre 1890-1892 en A Coruña.

Este ano as mobilizacións estarán condicionadas, como en 2020, pola pandemia do covid-19, polo que se manterán as medidas de seguridade precisas, mais celebraranse ocupando a clase traballadora as rúas, porque hai razóns abondo para amosar capacidade de presión, tanto diante da patronal como da Xunta de Galiza e do Governo central. Hai temas pendentes que afectan ao conxunto das relacións laborais, e que son esenciais para garantir dereitos básicos da clase traballadora, por exemplo, a derrogación das reformas laborais do PSOE e PP, a das pensións, a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal. Tamén o aumento do SMI, alargar os ERTE aos/as traballadores eventuais, regular novas formas de traballo e impedir as que son abusivas, por en práctica unha presión fiscal máis xusta, mellorar os servizos e prestacións básicas, etc.

Agora ben, ademais, mesta conxuntura de pandemia-crise económica, fan falla alternativas urxentes que freen o desmantelamento de sectores estratéxicos, como naval, aluminio, centrais de enerxías tradicionais, etc. que afectan de cheo a comarcas como Ferrol, A Coruña, a Mariña Luguesa, Vigo... e por extensión toda Galiza. Respecto deste tema o secretario da CIG da bisbarra de Ferrol destacaba entre as prioridades desta parte do país: “a necesidade de facer a transformación do buque Galicia nos estaleiros da ría de Ferrol, que se traballe a serio para buscar o financiamento do dique de reparacións (que é unha infraestrutura fundamental para garantir o futuro das instalacións), que se asine axiña o convenio de transición para As Pontes (é a única localidade do Estado español afectada polo peche das centrais térmicas no que aínda non se puxo en marcha), a gratuidade da AP-9 no tramo Ferrol-A Coruña...”

Sendo unha bisbarra con problemas que afectan moi gravemente o tecido industrial e o emprego Ferrol non é a única comarca onde se ceba o axuste, nen estes son os únicos sectores atinxidos pola crise-desmantelamento. Por exemplo lembremos a forte redución do cadro de persoal do sistema financeiro, malia o medre dos beneficios en boa parte das entidades, e os atrancos que atinxen á actividade hostaleira, turística, da cultura, espectáculo e deporte. Ademais, non se pode obviar que existe unha reestruturación encuberta, aproveitando a escusa da pandemia, coa finalidade de substituír persoal fixo por subcontratas ou persoal de ETT, co obxectivo de reducir os custes salariais e aumentar o lucro empresarial. Tampouco se pode esquecer que aínda uns/unhas corenta mil asalariados/as galegos están nos ERTE e polo tanto teñen un futuro incerto.

As ministras de Economía e Traballo do Governo central (PSOE e UP) afirmaron que os despedimentos masivos na banca son inaceptábeis, máxime neste contexto tan critico, unha actitude correcta. Mais, engadiu a de Traballo, que a reforma dos ERE realizada polo PP non lles permite impedilo, aínda que si mediaran. Son actitudes positivas, mais cun compromiso real cativo. Porque non se propón axiña derrogar ou modificar a Lei para evitar que se repitan estas agresións?

Ficamos nunha conxuntura histórica onde se racharon moitos paradigmas, como consecuencia da evidencia dos límites da humanidade e dunha globalización neoliberal que agudiza as contradicións sociais, económicas, políticas e territoriais. A cuestión é: garantir que as solucións teñan como meta superar as eivas e atrancos construíndo un mundo máis xusto, tanto no social como no reparto entre nacións (con ou sen estado propio, como é o caso de Galiza). E isto non se garante só con máis medios económicos, por exemplo cos do Next Generation, aínda que sexan necesarios, senón que depende fundamentalmente da mobilización, organización e protagonismo sindical e social, do povo; e de quen, como e con que obxectivos e coherencia governe.

https://obloguedemera.wordpress.com/