A Coruña, unha cidade de Terceira

Firmas
Afonso Eiré

ANTONIO Couceiro, o presidente do Deportivo, desexoulle sorte a Núñez Feixóo na súa xeira madrileña e augurou que ían estar xuntos no palco do Santiago Bernabéu, un como presidente do Estado e o outro como presidente do Deportivo.

O Deportivo foi un club totalmente subordinado ao Real Madrid, como o eran tamén as clases dirixentes coruñesas á capital española, onde vivía unha grande maioría. A comezos dos anos sesenta, o equipo comezou a esmorecer, dándose a circunstancia paragóxica de que a canteira producía talentos inigualábeis que, xa antes de callar, eran vendidos, principalmente, ao Real Madrid.

Estamos nunha situación semellante. Os que mandan hoxe n’A Coruña son alleos á cidade. Hai unha fotografía que o di todo: a ruína das instalacións do outrora escintilante Club Financeiro.

O poder autonómico e os seus aliados da burguesía local fixeron desleixamento dos seus intereses locais e apostaron por un pacto cos poderes económicos foráneos. Non se fixen só no banco Pastor ou en Caixa Galicia, fagan vostede un repaso polos últimos alcaldes e candidatos para ver a que intereses se amañaron.

Chámenlle como queira, pero o Deportivo está en Terceira División, e foi incapaz de ascender con todo a prol, nunha táctica suicida e unha política, tanto dentro como fora do Estadio, de apoucados.

E tamén se dá a circunstancia que ten hoxe un plantel nas categorías inferiores como nunca tivo nos 116 anos de historia. Unha xeración xuvenil campioa do Estado, que, como pasou en 1981, podía ser a que turrara do ascenso. Pero non. Estoxárona.

Hoxe, o dono do Deportivo, Abanca, non ten relación coa cidade. O Club non está inserido no tecido social e o equipo, xa que logo, é un equipo sen alma.

Existe unha dicotomía entre os valores que sustenta e defenden os seareiros con teimosía e a maioría dos estamentos do club, desde a directiva aos adestradores e a boa parte dos xogadores. Así non se vai a ningunha parte! Aínda que nos magoe, o Deportivo só é o reflexo da súa cidade. Unha cidade de Terceira, vendida a foráneos.