A culpa non é de Trump

Afonso Eiré

POÑAMOS as luces longas: Trump é o efecto, non a causa do intento de golpe de Estado en USA. Trump non sería presidente se antes a democracia non fose desacreditada e corrompida polo neoliberalismo. Mentres asaltaban o Congreso as bolsas non deixaban de subir chegando a máximos históricos.

Democracia, unha palabra que, por certo, non aparece na súa Constitución, pois está pensada para a plutocracia: goberno dos ricos, polos ricos e para os ricos.

Trump non sería presidente se antes non existira unha campaña de ataques á liberdade coa mobilización dos valores tradicionais e a semente do odio á convivencia en diversidade.

Trump non sería presidente se non tivese o apoio do Partido Republicano e dun bo feixe de medios de comunicación que amplificaron as súas mentiras e o supremacismo non estivese subvencionado.

A ultradereita, en USA e en Europa, xa non digamos en España, acolle aos sectores máis baixos eticamente falando, que agora mostran con orgullo, fachendean e reclaman o que antes acubillaban no seu pensamento.

A presidencia de Trump é a evidencia da crise política que atravesan os EE. UU. e como os cambios sociais non foron tidos en conta polas institucións.

O asalto ao Congreso só segue unha máxima que está nas leis norteamericanas: teñen dereito a intervir en calquera parte do mundo para defender os seus intereses. Así, derrocaron gobernos, bombardearon nacións, acabaron con economías, impuxeron e ditaron leis...

Os asaltantes e millóns máis, creen está máxima, pero tamén que eles son os verdadeiros estadounidenses (non os negros, hispanos, homosexuais ou diferentes) e teñen o dereito e o deber de defender o que pensan que é seu, mesmo coas armas.

Pero non nos enganemos, o fascismo non é un problema só dos USA. A marcha sobre Washington é unha advertencia mundial. O fascismo é hoxe un risco global. É preciso deixar de branquear o fascismo, como pasa no Estado español. Non hai máis que ver como a dereita franquista e os seus voceiros se negan a diferenciar entre a protesta lexítima cun golpe de estado.