A maldición do PSdG

Afonso Eiré

CASE todos os congresos do PSdG-PSOE teñen un denominador común: a loita por ver quen controla a organización. Por máis que busco e rebusco non dou atopado grandes deferencias político-ideolóxicas entre os distintos bandos que tan ben confrontan unha e outra vez, como se alían e se retan... E volta a empezar cos mesmos discursos tantas veces formulados polos seus secretarios xerais: unidade, municipalismo e pensar en Galiza.

Os berros de “tongo, tongo” ou “congreso á búlgara” proferidos por Gonzalo Caballero neste XIV Congreso, foron unha nimiedade comparados con outros onde houbo labazadas, moquetes, portas pechadas para os disidentes, acordos que non se cumpriron, trasacordos con estraños aliados e alianzas finalmente antinatura, como cando Ceferino Díaz rematou apoiando a Francisco Vázquez.

O PSdG-PSOE estase reinventando continuamente e, unha vez máis, retorna ás andadas. Nesta ocasión, o poder municipal volve a copar a dirección do partido. O que podería semellar un dos grandes logros do novo secretario xeral, González Formoso, non é máis que un retrato inquedante: non é un partido, é un xuntoiro municipalista no que, cada quen, fai e desfai ao seu entoxo, sen unha política coordinada e, xa non digamos, dirixida ou avalada pola dirección.

A que propiciou Paco Vázquez no seu día (xa ollan onde está) e a que realiza agora Abel Caballero en Vigo, só son unha mostra senlleira de moitos outros concellos. E a isto chámanlle “tradición municipalista!”.

Como afirmou Pérez Touriño o “PSdG debe de construír un proxecto pensado desde Galiza e para Galiza”. Se o debe construír para que serviu o Congreso?

A única diferencia está en que, agora, desde Madrid, Pedro Sánchez lles concedeu o aval para “volver á Xunta”. Botei de menos que apoiara as súas palabras en feitos e anunciase algunhas medidas para a Mariña ou Ferrolterra, por exemplo.