A resposta imperialista: demonizar e esmagar a competencia

Manuel Mera

A práctica social e política sempre é a que permite realizar a mellor radiografa da conxuntura e da tendencia dominante. Daquela que, para alén de que a reunión entre Biden e Putin deixase a impresión de que, aínda que non se chegase a ningún acordo importante a non ser a volta de embaixadores, abríanse ás portas a unha relación de maior dialogo que axudarían a que Estados Unidos recoñecese a realidade multipolar, axiña as decisións tomadas por Washington e aliados reflicten o contrario. Así o confirman novas sancións a Rusia, coa escusa do caso Navalni e para impedir que se remate a construción do gasoduto Nord-stream-2, e a ameaza a China de illala internacionalmente se non “colabora” cunha nova comprobación de como xurdiu o virus covid-19.

En ambos casos implica aceptar que Washington ten a última palabra en calquera tema, mesmo interno dun país, e que as conclusións de organismos internacionais como a OMS non lle valen, e que deben se revisados unha e outra vez até que coincidan coas conclusións que a eles lle son funcionais. Trátase de, utilizando a hexemonía que tenos Estados Unidos sobre os medios de comunicación de masas no mundo, inculcar na sociedade que o éxito económico e militar de China e Rusia está sustentado en todo tipo de accións perversas: coacción, autoritarismo, ciber-ataques, virus fabricados en laboratorios, espionaxe industrial, e outros métodos criminais e especulativos.

En poucas palabras, como xa é normal na política estadounidense, quérese dividir o mundo en bos a malos, en anxos e demos, nos que Estados Unidos sería o povo elixido por Deus para dirixir correctamente á humanidade. Preocupante, por soberbia e prepotencia, máxime cando hai tantos grises, e a historia desta potencia está unida a centos de bases militares no exterior, golpes de estado para impoñer ditadores, alianzas con monarquías medievais, e países liberados en nome da democracia que están desfeitos (Somalia, Afganistán, Iraq, etc.). Por non falar do racismo interno, do trato á inmigración, da marxinación da esquerda, etc.

Todo indica que a opción tomada por Estados Unidos e os seus aliados está forzando a división dun mundo en bloques, nos que a contradición non é a existencia de modelos económicos e sociais alternativos (como perante a guerra fría). A cuestión central para a confrontación está relacionada coa hexemonía, xa que Washington é consciente de que este podería ser o último intento de reverter a evolución económica e política actual, antes de que sexa demasiado tarde para volver a unha situación semellante aos anos posteriores á caída da Unión Soviética, nas que era a potencia dominante. Por certo é a mesma política de Trump, coa única diferenza de que el non ollaba necesario o apoio dos aliados (UE, OTAN), coidaba que eran un atranco. Trabucábase, fixo falla moi pouco para que Biden os convencese, para que se puxesen en fía como cordeiros.

Para conseguir esta meta, ademais de poñer todo tipo de atrancos a China e Rusia, o Governo de Biden semella que se fixa varios obxectivos. No interno: mellorar as infraestruturas e recuperar a economía mediante un investimento público de 6 billóns de dólares; disciplinar as corporacións evitando que poñan seus intereses privados por riba dos do capital como clase e de Estados Unidos como potencia (imposto interno do 28% e global dun 15%); utilizar fondos públicos para completar no país os procesos produtivos esenciais e conseguir a hexemonía en todos os ámbitos da investigación estratéxicos; e tendo en consideración a desigualdade, fragmentación da sociedade e protesta social, reconstruír unha nova maioría social que avale o capitalismo. No externo: manter ao dólar como divisa de referencia e intercambio; fortalecer a fronte común cos aliados (que formaran parte dos beneficiados polo botín, como noutras momentos históricos), para centrar todos os esforzos en illar a Rusia e China, frear a expansión doutras potencia rexionais e disciplinar aos países dependentes.

Seica como principio do neoliberalismo o privado seica xestiona máis eficazmente que o público, mais todos estes cambios son o recoñecemento de que o neoliberalismo perdeu a batalla diante do modelo chino e mesmo ruso (tamén de globalización capitalista). En ambas potencias, onde a lóxica capitalista ten un peso inmenso, seus modelos de globalización destacan porque o estado e as empresas públicas teñen un papel relevante; especialmente en China, nas que actividade privada é máis complementaria.

Agora ben, que teña éxito a vía impulsada por Biden para manter e reforzar a hexemonía de Estados Unidos, non se presenta como algo doado. Primeiro porque a economía de Estados Unidos, de China e da eurozona, teñen un PIB moi semellante, mais China sae da loita contra a pandemia moi fortalecida e mantén un diferencial ao seu favor na taxa de crecemento e, tomou a iniciativa na innovación, con todo o que implica, en moitos aspectos de intelixencia artificial, e Rusia fixo o propio no relativo ao tema militar. Por outra banda, a esta altura hai outras potencias económicas e militares coas que se debe contar, e para as que un mundo multipolar ofrece maiores posibilidades de defensa dos seus intereses, dende os económicos ate os culturais e políticos.

Polo que non é tan doado illar a China e Rusia e aquelas nacións demonizadas por occidente (Iran, Venezuela, Bielorrusia, Siria, etc), máxime nun mundo no que as relacións comerciais internacionais son tan intensas e as grandes empresas teñen intereses en tantos países (e isto representa unha contradición para Estados Unidos e a UE). Lembremos que nun mundo máis dependente dos Estados Unidos, nos que esta potencia representaba un 25% do PIB, cunha economía menos globalizada, e moita polarización coa URSS e as democracias populares, existía un forte Movemento de Países Non Aliñados. Non todo era branco e negro.

En resumo Estados Unidos, a Unión Europea, e outros países asociados no proxecto imperial, están avanzando nunha política de presión sobre China e Rusia que vai causar múltiples conflitos militares (polo momento localizados) e atrancos ao comercio internacional. Ou sexa, ficamos diante dunha conxuntura de grande inestabilidade, cando aínda non saímos da pandemia, as medidas a prol dunha economía verde son máis un desexo cunha realidade, e as contradicións causadas pola globalización neoliberal estoupan en todos os ámbitos (de clase, territoriais, culturais, etc). Todo reflicte que os cambios viran máis unha vez da loita laboral e popular, o resto está moi gastado, mesmo os governantes máis sensatos están atrapados por un capitalismo senil (como o definía Samir Amin), pola lei da selva, da cobiza, do tacticismo, do oportunismo, dos medos... Mais, as transformacións son inevitábeis, a cuestión é cando, como, e cal será o custe.

https://obloguedemera.wordpress.com/