A saúde da cabeza

Charo Baleirón

A valentía da atleta estadounidense Simone Biles ao declarar publicamente que renunciaba a participar nalgunhas das probas dos xogos olímpicos por saúde mental, levouna a estar no foco e nos titulares dos medios de comunicación de todo o mundo e a poñer derriba da mesa este problema nos deportistas de elite. É ben sabido que a presión emocional á que se ven sometidos é tremenda. Presión por parte deles mesmos, por parte dos equipos, dos adestradores, dos medios, dos afeccionados... Cómpre estar moi ben preparado non só física senón tamén emocionalmente para superar tamañas probas así como a frustración por non conseguir as areladas medallas, por non quedar entre os dez primeiros, por non manter o nivel... Son moitas as variables que determinan o resultado e iso de “o importante é participar” xa non casa co nivel competitivo enfermizo ao que se ven sometidos os deportistas.

Estamos ante un floco máis dunha problemática máis ampla. Lembremos que os datos de saúde mental entre a poboación mundial son preocupantes pois ao redor dun 20% sofre un trastorno deste tipo e o que é peor, está sen diagnosticar e sen tratar; ademais, destaca a mocidade onde a depresión é a cuarta causa de discapacidade en mozos e mozas entre 15 e 19 anos. Á parte de depresión, cómpre sumar trastornos como ansiedade, insomnio, falta de concentración, problemas alimentarios, acoso, adiccións varias, casos de exclusión, de non-igualdade, e, por se fosen poucos, agora tócalles lidiar cos tempos covid e as súas consecuencias: fractura na rutina educativa, nas súas relacións sociais e cargar coa culpa cando sobe o número de contaxios.

Nós, de forma individual e como sociedade, somos os grans responsables desta situación. Os adolescentes empezan a recoñecer entre os seus iguais que asisten a terapia e que sofren tal ou cal problema; somos os adultos os que nos empeñamos en convertelos en tabú, en estigmatizar e en silenciar un tema que hipoteca o seu futuro. Fan falta, máis ca nunca, recursos, investimentos, persoal sanitario, programas de atención psiquiátrica e psicolóxica que teñan en conta a realidade e o contexto, formación, apoios para pais e familias, ferramentas eficaces que contribúan a reforzar as habilidades sociais e a autoconfianza,...

En definitiva, esa é a medalla máis importante que debe conseguir a actual sociedade chamada do benestar: nenos e nenas, mozos e mozas emocional e mentalmente fortes, capaces de xestionar as emocións que nos acompañan cada día no ir e vir da vida.