A viaxe

Joan Ribot

A viaxe das miñas irmás a Galicia retrasouse un ano polo covid pero a mediados de agosto, por fin, fíxose realidade. O Ano Santo é coñecido a nivel mundial e para que a xente veña a Santiago non fai falla recordáseo, pois é algo que ten incorporado na súa mente. A proposta saíu delas hai dous anos cando, sen dicirlles nada, dixeron que virían a verme no 2021.

Quizás por iso cando hai uns días, logo de recollelas en Peinador, entramos na autoestrada cara a Pontevedra, díxenlles: Esta viaxe que estamos a facer téñoa soñado ata sete veces! Aínda que no meu soño non saía que o seu avión se retrasaría e chegaríamos ás 15.30 h ao restaurante que tiña reservado, nin que Nuri –que non é de moito xantar– acabaría dicindo que tiña fame.

Ao coincidir a viaxe coas festas da Peregrina, acadar un sitio para cear en Pontevedra parecía imposible. Sorte que ao pasar polo mercado de abastos decatáramos que estaba aberto no andar de arriba e subimos a tomar calamares e unha empanada.

O día seguinte no Grove collemos un catamarán no que diante dunha batea nos explicaron que producen entre 30 e 50 toneladas anuais de marisco, á vez que desfrutamos dunha degustación de mexillóns e albariño. Logo percorremos o paseo de Pedras Negras, pasando de cala a cala a través dunha pasarela de madeira que parecía non ter fin.

A única saída longa que fixéramos foi a Porto, onde entramos e saímos en quince minutos, cando soe levar 1,30 hora polo tráfico. Non puidemos subir á Torre dos Clérigos porque a Montse doíalle o pe nin entrar na biblioteca onde filmaron Harry Potter porque a cola era de dúas horas; pero fomos a catedral e ao Palacio de Cristal e á volta visitamos Valença.

A etapa do Camiño que pensábamos facer pola senda do Gafos tampouco saíu como soñei, pois propuxen a Nuri e a Montse suspendela debido á forte choiva pero negáronse e Montse colleu algo de febre.

O día que foron a Santiago para gañar o xubileo tamén foi distinta do meu soño pois, aínda que chegaron á catedral ás 11 h, non puideron entrar por estar chea; e tiveron que conformarse con so pasar pola Porta Santa. Comemos en cambio cunha familia amiga íntima nosa, á que se engadiu o tenor que interpretou Don Pasquale en San Martín Pinario.

A última noite ceamos nunha pizzería en honor de Montse, que seguía con febre, e o último día, despois de comer en Combarro, leveinas a Peinador para embarcar cara El Prat. Ao día seguinte, falando por teléfono, Nuri díxome que tamén tiña algo de febre. Isto tampouco o tiña soñado pero non importa, porque a viaxe superou todas as expectativas; pois as miñas irmás, que son unhas cracks, amosaron ser aínda máis cracks do que tiña soñado.